Estatutos

Se o prefires podes baixarte os Estatutos en PDF

 

 

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º

Constitúese en Vedra unha Asociación sen ánimo de lucro que se denominará Asociación “senunpeso” producións

A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º

Son fins principais da Asociación:

a) Promover a formación, a produción e o coñecemento audiovisual a través de xornadas, proxeccións, encontros, etc

b) Proporcionar espazos de encontro, creatividade, intercambios, etc..., aos viciños e viciñas da comarca da Ulla (Vedra, Boqueixón, Touro, A Estrada, Teo, Santiago de Compostela e Silleda

c) Xerar alternativas de ócio e tempo libre educativo

d) Canalizar e facilitar a obtención de recursos para a realización de actividades autoxestionadas

e) Promover e divulgar a cultura galega na comarca, en especial ás características da zona.

f) Cantos outras actividades lícitas e de enterese común consideren as/os socias/os desta asociación.

Artigo 3°

Para levar a cabo os seus fins, poderá a Asociación organiza-las seguintes actividades:

a.- Organización de cursos, seminarios, conferencias, concertos, e actos análogos.

b.- Dinamización dun espazo de encontro.

c.- Organización de actividades socio-culturales /lúdicas / etc.

d.- Elaboración e edición de materias formativos, revistas, folletos e calquera outro tipo publicación para a difusión das ideas da asociación.

e.- Deseño e execución de cantas accións ou actividades sexan precisas para consegui-la participación de asociados/ destinatarios.

f.- Fomento das relacións de colaboración con institucións públicas, empresa privadas e organizacións non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins fundacionais.

g.- Integración de colectivos desfavorecidos.

h.- Promoción e difusión das modalidades de autoemprego.

i.- Calquera outra actividade que a xunta directiva considere axeitada para o cumpremento dos fins da asociación.

Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase ós devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto exceptuándose as contribucións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares non serán os principais destinatarios das actividades realizadas pola Asociación.

Artigo 4°

O domicilio principal e permanente da Asociación radicará na localidade de Vedra, L/ de Silva de arriba, n° 2 San Miguel de Sarandón C.P. 15885, teléfono 647 45 16 49, correo electrónico abelardorr//arroba//gmail.com

Artigo 5°

A Asociación en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá principalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6°.­

1) A duración desta Asociación é de carácter indefinido e só se disolverá, conforme a estes

Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

2) A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

 

CAPÍTULO II

DOS SOCIOS

Artigo 7°

Poderán ser integrantes da Asociación tódalas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar e que teñan interese no desenvolvimento dos fins da asociación e o soliciten á Xunta Directiva, ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter interese no desenvolvemento dos fins da Asociación.

b) Formaliza-la integración mediante a cobertura do documento de incorporación

Artigo 8°

Dentro da Asociación poderán existi-las seguintes clases de asociados:

a) Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a Acta Fundacional.

b) Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición fundacional

c) Honorarios, aquel as persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación.

d) Xoven, aqueles mozos e mozas que participen na Asociación integradas na sección xuvenil da mesma.

e) Simpatizantes, aquelas que o contrario dos socias/os numerarios, persoas que participen na Asociación pero non pagán a cota asignada, ademais con voz pero sin voto.

Artigo 9°

Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.

2. Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.

3. Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins

4. Gozar de tódalas vantaxes e beneficios que a Asociación poda obter.

5. Ter copia destes Estatutos.

6. Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.

7. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.

8. Facer suxestións ós membros da Xunta Directiva en orde a mellora-lo cumprimento dos fins da aociación

9. Que se lle poña de manifesto o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación tódolos anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 10°

Son obrigas dos asociados e asociadas:

1. Prestar cantos servicios determinen os Estatutos, o Regulamento de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.

2. Desempeña-los cargos para os que foron elixidos.

3. Asistir ás Asembleas Xerais.

4. Satisface-las cotas que se establezan.

5. Observar unha boa conducta individual e cívica.

6. Cumpri-los acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.

Artigo 11°

Os asociados e asociadas honorarios non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación da mesma, pero están facultados para asistir ás Asembleas Xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 12°

Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición escrita da persoa que desexa ser admitida. No caso de menores de idade e persoas que actúen a través de representante a solicitude deberá ser autorizada polo representante, pai ou titor do solicitante e se acompañará unha acreditación da identidade do solicitante.

Artigo 13°

A condición de asociado pérdese:

1. Por vontade propia.

2. Por falta de pago nas cotas.

3. Por realización de accións que danen gravemente ós intereses da Asociación.

4. Por expediente disciplinario.

Artigo 14°

A expulsión de asociados e asociadas será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia do interesado/a. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdicción ordinaria.

Cando a baixa se produza por vontade dun/nha asociado/a, estela deberá realizar unha petición escrita e procederá ó aboamento previo de tódalas cotas que teña pendentes.

Artigo 15°

Os asociados/as poderán pedir a separación temporal por escrito.

A Xunta Directiva poderá acorda-la separación temporal dun asociado cando se está tramitando un expediente sancionados, ou concorran causas xustificadas que o aconsellen, tales como o atraso no pago dalgunha cota, ou comportamentos que afecten a boa marcha dalgún dos fins da Asociación. O expediente sancionador recollerase no Regulamento de réxime interno, pero en todo caso a Resolución poderase recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 16°

A dirección e administración da Asociación serán exercidas polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 17°

O Presidente da Asociación asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, presidindo as sesións que celebre unha e outra.

O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre socios que teñan polo menos 6 meses de antigüidade e o seu mandato durará 1 ano.

Artigo 18°

A Xunta Directiva estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e vocais, cargos que deberán recaer en asociados/as que leven polo menos un ano na Asociación.

Artigo 19°

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados, e deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade por si mesmos ou por persoa interposta.

Elixiranse pola Asemblea Xeral os cargos e durarán un período de 1 ano, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Os cargos cesarán na súa función por pasamento, renuncia voluntaria, e por transcurso do prazo para o que foron elixidos. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cese automático, senón que deberase facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor ou ben esperar ata que a Xunta Directiva nomee temporalmente a un substituto se se trata de renuncia voluntaria.

Artigo 20°

É función da Xunta Directiva programar e dirixi-las actividades asociativas e levar a xestión administrativa e económica da Asociación, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

Así mesmo procederá a convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral, fixa-las cotas ordinarias e extraordinarias que se aproben, designa-las Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación, dictar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral. Corresponderalle tamén todas aquelas outras actividades que lle sexan transferidas pola Asemblea.

Artigo 21

A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou o Vicepresidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña mais idade.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de a mitad mais un dos seus membros. No caso de empate decidirá o voto do Presidente.

O Secretario ou, no seu defecto, o Vicepresidente levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 22°

Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de conseguir das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Artigo 23°

A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da Asociación e estará formada por tódolos integrantes da mesma. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos que os da Xunta Directiva.

Artigo 24°

A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas firmas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 25°

A Asemblea Xeral ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres últimos meses ao peche do exercício de cada ano. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

A notificación farase para as Asembleas Ordinarias e Extraordinarias no domicilio dos asociados.

Artigo 26°

Serán competencias da Asemblea Xeral ordinaria:

1. Aproba-la acta da reunión anterior.

2. Aproba-lo plan de actividades.

3. Examinar e aproba-la memoria de actividades.

4. Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.

5. Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.

6. Exame e aprobación das cotas.

7. Elixi-los integrantes da Xunta Directiva.

Artigo 27°

Serán competencias da Asemblea Xeral extraordinaria:

1. Modifica-los Estatutos da Asociación.

2. Aproba-la federación con outras Asociacións.

3. Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

4. Acorda-la disolución da Asociación.

5. Designa-los/as liquidadores/as.

6. Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva

7. Solicita-la declaración de utilidade pública da Asociación.

8. Aproba-lo regulamento de réxime interno da Asociación

9. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan espera-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.

10. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 28°

Para que as asembleas poidan tomar acordos, integraranse polos/as asociados/as asistentes, sempre que concorran a metade mais un do total na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes.

Artigo 29°

Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos os apartados 2 ó 7 do artigo 27, que requiriran maioría de dous tercios. A continuación levaranse os acordos ó libro de Actas e asignara o/a Presidente, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada por maioría

Artigo 30°

Os acordos adoptados conforme os preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións se abrirán cando así o determine o Presidente. Seguidamente se procederá por parte do Secretario á lectura da acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente o Secretario procederá a trata-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta directiva que lle corresponda, procedéndose a aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Unha vez rematados tódolos asuntos da orde do día se procederá, a facer unha quenda de rogos e preguntas e adopción de acordos, a continuación levantará-se a sesión por parte do Presidente.

Artigo 31°

Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perantea Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedida a vía para recorrer perante a xurisdicción ordinaria.

Artigo 32°

O Presidente da Xunta Directiva terá, ademais das facultades consignadas no artigo 17°, as seguintes atribucións:

a) Presidir e levanta-las sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixi­las deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.

b) Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.

c) Ordena-los pagamentos acordados validamente.

d) Representa-la Asociación perante calquera organismo público ou privado.

e) Firma-las actas, certificados, pagos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

f) O Presidente podra delegar, as atribucions que crea convinte, nos membros da Xunta Directiva.

O Presidente será asistido nas súas funcións por un Vicepresidente, que, ademais, substituiralle nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 33°

O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da Entidade.

Correspóndelle así mesmo notifica-las convocatorias e custodia-las actas e expedir certificacións das mesmas co visto e prace do Presidente.

Ó Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da asociación nun libro establecido ó efecto.

Artigo 34°

O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, dirixirá a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, e participará en tódalas operacións de orde económico. O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de setembro, co fin de que as contas estén a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea Ordinaria.

Artigo 35°

Os Vocais no número que determine a Asemblea Xeral terán as seguintes atribucións:

l. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.

2. Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 36°

A Asociación no momento de inicia-las súas actividades dispón dun patrimonio de 100 euros. O peche do exercicio económico será anual e o seu peche será o 30 de setembro.

Artigo 37º

A Asociación funcionará en réxime de presuposto anual. O borrador de presuposto será elaborado polo Tesoureiro da Asociación, que deberá telo preparado antes do un de outubro de cada ano, a fin de que poda ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 38°

A Asociación manterase dos seguintes recursos:

1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.

2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.

4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.

5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 39°

As cotas ordinarias acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria, a proposta da Xunta Directiva non sendo reintegrables en caso algún e dedicándose a atende-las necesidades da Asociación.

Artigo 40°

Anualmente con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/asasociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

Artigo 41º

Anualmente no tempo que establece o artigo 25 será aprobado o orzamento pola Asemblea Xeral ordinaria.

Artigo 42°

Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o Presidente e o Tesoureiro, para a utilización indistinta de cada un deles.

Artigo 43°

Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.

CAPÍTULO V

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 44°

O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ó ordenamento xurisdiccional civil.

CAPÍTULO VI

MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 45°

Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou dos socios. A convocatoria da Asemblea Xeral extraordinaria estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 7 días para calquera socio/a poida dirixir á Secretaría as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación da citada Asemblea e serán entregadas cunha antelación mínima de 3 días á realización da mesma.

Artigo 46°

Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorable da maioria simple dos membros da Asemblea Xeral de socios.

Artigo 47°

A Asociación disolverase polas seguintes causas:

1. Pola vontade dos asociados/as acordada polas 2/3 partes dos mesmos/as.

2. Por outras causas determinadas legalmente.

3. Por sentencia xudicial.

Artigo 48°

Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a Presidente e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 49°

O haber resultante unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.

Log In or Sign Up

Se estás matriculado/a en algún obradoiro do LAV introduce os teus datos de acceso para acceder ao foro de alumnos.

¿Recordar contraseña? / ¿Recordar usuario?